Un excelente artigo do alumno Iván Portas . Non vos perdades oa comentarios e animade aos vosos alumnos a que comenten o post !!
A temperatura media en España podería aumentar ata en 5ºC para o ano 2050 ao ritmo actual de emisións de gases de efecto invernadoiro, segundo o informe Cambio Climático en Europa 1950-2050: percepción e impactos, elaborado polo climatólogo e membro do Panel Intergobernamental para o Cambio Climático de Nacións Unidas, Jonathan Gómez Cantero, e presentadas polo partido político Equo.
O voceiro da formación no Parlamento Europeo, Florent Marcellesi, asegurou que a Unión Europea perdeu o liderado na loita contra o quentamento global ao aprobar uns obxectivos que non resultan suficientes para reter o aumento global da temperatura media en 2ºC, tal e como recomendan os científicos. “Véndennos que no cumio de París deste ano se asinará un acordo histórico e o que será histórico serán as emisións no ano 2020, 2025 e 2030, estamos a ir polo peor escenario previsto polos científicos”, dixo Marcellesi.
Segundo o informe asinado por Cantero, o incremento das temperaturas causado polo cambio climático fará que se perdan algúns dos cultivos máis representativos da agricultura española como as oliveiras en Andalucía, os viñedos en La Rioja ou os cítricos en Valencia.
A formación política non quixo centrar o discurso nos aspectos negativos, senón en propostas concretas para afrontalo e nas oportunidades económicas que brindarían. “O cambio de modelo enerxético é unha necesidade e pode ser moi favorable dende o punto de vista social e de xeración de emprego”, dixo Juantxo López de Uralde, de Equo
Eses aumentos de temperatura xerarán veráns máis longos e invernos máis cálidos nos que a cantidade de nevadas podería reducirse á metade respecto ás cifras actuais. Gómez Cantero explicou que este é un traballo divulgativo co que se pretende transmitir á poboación o reto mundial de loitar contra o cambio climático porque “non loitar contra o quentamento global sae cinco veces máis caro ca tomar medidas para frealo”.
O climatólogo resumiu algunhas das consecuencias directas que tería un incremento de temperaturas en España: cambios na migración das aves debido a uns invernos máis cálidos, perda de cultivos que se secan, incremento dos desastres naturais ou aparición de especies invasoras máis habituais de climas tropicais, entre outras. “Está constatado que a onda de calor que afectou a Francia no verán de 2003 e que matou miles de persoas estivo xerada polos efectos do cambio climático”, dixo Gómez Cantero.
Segundo Marcellesi, o informe ten que servir para forzar á clase política e que adopte compromisos concretos para “transformar o modelo produtivo cara a un sistema sostible é a única solución para frear o cambio climático”.
Autor: Iván Portas Rivas
O “efecto invernadoiro” é o quentamento que se produce cando certos gases da atmosfera da Terra reteñen a calor. Estes gases deixan pasar a luz pero manteñen a calor como as paredes de cristal dun invernadoiro.
En primeiro lugar, a luz solar brilla na superficie terrestre, onde é absorbida e, a continuación, volve á atmosfera en forma de calor. Na atmosfera, os gases de invernadoiro reteñen parte desta calor e o resto escapa ao espazo. Cantos máis gases de invernadoiro, máis calor é retida.
Os científicos coñecen o efecto invernadoiro dende 1824, cando Joseph Fourier calculou que a Terra sería máis fría se non houbese atmosfera. Este efecto invernadoiro é o que fai que o clima na Terra sexa apto para a vida. Sen el, a superficie da Terra sería uns 60 graos fahrenheits máis fría. En 1895, o químico suízo Svante Arrhenius descubriu que os humanos poderían aumentar o efecto invernadoiro producindo dióxido de carbono, un gas de invernadoiro. Iniciou 100 anos de investigación climática que nos proporcionou unha sofisticada comprensión do quentamento global.