Que é ISO

Un excelente post da compañeira Adela do IES Fernando Wirtz sobre a ISO 14000.

Hoxe ninguén dubida  que a administración responsable, reflexiva e intelixente da Terra constitúe un dos grandes retos que ten de afrontar a humanidade neste  século.

A calidade ambiental empezou a ser valorada na década dos noventa. O problema  foi  que as normas ambientais variaban ostensiblemente dun país a outro, polo que se fixo necesario un indicador universal que avaliase os esforzos de calquera organización.

Na conferencia de Nacións Unidas sobre  Medio Ambiente e  Desenvolvemento, celebrada en 1992 en Río de Xaneiro, convidaron   a participar á Organización Internacional para a Estandarización (ISO), que se comprometeu a crear normas ambientais internacionais, que pouco despois  foron denominadas ISO 14000. Este termo utilízase de forma xenérica para designar á familia de estándares internacionais sobre xestión ambiental, onde se salienta a acción preventiva antes que correctiva e a contínua mellora nos temas ambientais.

A Xestión da Calidade Ambiental conleva ao establecemento dunha política ambiental e a unha organización encamiñada a lograr plenamente os obxectivos marcados. Unha vez postos en marcha, a empresa é auditada para medir a súa eficiencia. Dito rexistro do sistema de calidade non é obrigatorio, senón que se trata dun procedemento voluntario que serve para mellorar á empresa interesada.

Traballar polo Medio Ambiente ofrece oportunidades de mellora a aquelas empresas que incorporan sistemas de xestión da calidade ambiental. Neste sentido, ademais de respectar unha lexislación ambiental cada vez máis rigorosa e punitiva con aqueles que cometen delitos contra o medio ambiente, a xestión da calidade ambiental mellora a eficiencia das empresas e   diminúe os riscos de posibles accidentes e as súas correspondentes sancións,  permitindo lograr unha imaxe «ecolóxica» que, utilizada nas relacións públicas da empresa, contribúe a mellorar a súa competitividade.

En España a Entidade Nacional de Acreditación (ENAC) é unha entidade privada, independente e sen ánimo de lucro;  auspiciada e tutelada pola Administración cuxa función é coordinar e dirixir no ámbito nacional un Sistema de Acreditación conforme a criterios e normas internacionais. A Asociación Española de Normalización e Certificación (AENOR) está acreditada para a certificación de sistemas de xestión ambiental ISO 14000 e verificación ambiental.

 

Esta entrada foi publicada en Cambio climático e etiquetada . Garda o enlace permanente.

Deixa unha resposta