Papiroflexia e Química

Un intersante artigo de Cristina Porto Rivas desde o IES Francisco Asorey, non deixedes de felicitala nos comentarios.

A papiroflexia é a arte xaponesa baseada na pregadura do papel, unha arte que se pode asociar non só coa idea de entretemento, senón tamén de aprendizaxe. A miúdo asóciase a papiroflexia coa habilidade de poder construír curiosas figuras que destacan non só pola súa dificultade ou orixinalidade senón tamén polo seu carácter decorativo. Pero cabe destacar que esta presenta, tamén, unha aplicación didáctica. No ámbito científico a papiroflexia pode utilizarse en diferentes disciplinas, como na montaxe de figuras xeométricas en matemáticas, na posibilidade de plasmar con papel pregado conceptos biolóxicos ou na construción de moléculas no campo da química.
Unha variante desta arte é a papiroflexia modular, baséase en que poder entrelazar varias unidades iguais de papel pregado e formar estruturas máis grandes.  É precisamente esta particularidade a que, aplicada á química, permite obter moléculas que poden ser unha axuda na aula para explicar as súas propiedades, ou ser un claro reclamo en actividades de divulgación da ciencia.
Por outra parte, a papiroflexia tamén foi mencionada nunha noticia que publicou hai uns meses a Universidade de Texas, onde se presentaba a posibilidade, que un sensor de papel en 3D puidese probar de xeito económico enfermidades como a malaria e o VIH. Este sensor de papel, inspirado na papiroflexia, foi creado polos químicos Hong Liu and Richard Crooks.
Xa sexa no campo do ensino, a divulgación ou a investigación, hai bastantes exemplos que demostran que ciencia e papiroflexia poden ir unidas para lograr un obxectivo común. E é que construír grandes estruturas axuda cando algúns conceptos científicos son percibidos como abstractos e difíciles de entender por presentar características de medidas pouco accesibles. A papiroflexia acompañada dunha explicación segundo idades e temario é un punto de encontro entre entretemento e aprendizaxe.

Autora: Cristina Porto Rivas

Esta entrada foi publicada en Sabías que? e etiquetada . Garda o enlace permanente.

Deixa unha resposta