Cal é o impacto ambiental da túa viaxe?

 

 

Eco Passenger é a aplicación creada polos membros europeos da Unión Internacional de Ferrocarrís (UIC), o Instituto alemán de Investigación Enerxética e Medioambiental Heidelberg (Ifeu) e a compañía IVEmbH. Ademais de proporcionar información (datas, horarios, duración…) sobre rutas por Europa de tres medios transporte como son o tren, o coche e o avión, a ferramenta permite comparar para cada un deles o consumo de enerxía e as emisións por pasaxeiro de CO2, NOX, hidrocarburos -excepto metano- e partículas.

O recurso ofrece incluso a posibilidade de particularizar diversos aspectos como poden ser a clase e o tipo de motor no caso do coche, a cantidade de pasaxeiros que o utilizan, o tipo de transporte empregado para desprazarse ata/dende o aeroporto no caso do avión, ou se se quere ter en conta no dato das emisións de CO2 o efecto climático adicional da emisión doutros gases de efecto invernadoiro, especialmente a grandes altitudes. Desde o sitio web pódese acceder á documentación precisa sobre os datos e a metodoloxía empregados para valorar o consumo de enerxía e as emisións dos tres medios de transporte mencionados.

Outra aplicación desenvolvida pola Unión Internacional de Ferrocarrís (UIC), o Instituto alemán de Investigación Enerxética e Medioambiental Heidelberg (IFeu) e a compañía RMCon é Eco TransIT. Esta ferramenta permite comparar o consumo de enerxía e as emisións de CO2 e outras sustancias (NOx, SO2, hidrocarburos -excepto metano-, partículas) resultantes da combustión do transporte de mercadorías por ferrocarril, camión, barco e avión en rutas específicas por todo Europa. Está dirixido fundamentalmente a empresas, podéndolle sacar un especial partido aquelas que contan cun sistema de xestión medioambiental.

Un intersante artigo para estas festas de Natal desde o temático de Enerxías, un blog de referencia que elaborou a compañeira Natalia Abelenda  do equipo Climántica  e que usamos como a “biblia” enerxética.

Esta entrada foi publicada en Enerxía e etiquetada . Garda o enlace permanente.

Deixa unha resposta