A idea de conservación da enerxía

Desde o temático de enerxía, rescatamos un artigo de didáctica da enerxía que nos parece moi intersante. Grazas a Natalaia Abelenda polo  magnífico labor que desenvolveu neste blog.

As dificultades de asimilación do principio de conservación da enerxía quedan patentes no pouco uso que o alumnado fai do mesmo, tanto na descrición de diversas situacións físicas como na resolución de problemas numéricos. De feito, cando é posible aplicar tanto consideracións enerxéticas como dinámicas e/ou cinemáticas para chegar á resolución dun problema, os estudantes case sempre botan man destas últimas.

Diversos investigadores coinciden nalgúns aspectos que contribuirían a facer máis significativo o principio de conservación da enerxía para o alumnado, como é unha formulación positiva do mesmo, o que supón substituír o tradicional enunciado “A enerxía nin se crea nin se destrúe, só se transfire e/ou transforma”, por outro que aluda expresamente a que se conserva a cantidade total de enerxía antes e despois dun proceso.

A introdución da noción de degradación da enerxía paralelamente ao principio de conservación tamén pode resultar moi conveniente, para aclarar a aparente contradición entre o que linguaxe dos medios de comunicación suxire con expresións como “consumo de enerxía”, “produción de enerxía”, “esgotamento de enerxía”… e o principio de conservación. Esta noción de degradación de enerxía pode resultar de utilidade ao nivel da educación secundaria obrigatoria: a enerxía consérvase, pero ao ser utilizada vai perdendo “calidade”, entendida esta como capacidade para ser empregada de novo. En cursos superiores, a introdución do segundo principio da termodinámica e do concepto de entropía, permite achegar de xeito máis rigoroso e preciso a estas cuestións.

Conservación da enerxía-Wikimedia Commons

Conservación da enerxía/ Imaxe: Wikimedia Commons

Que outras consideracións referentes ao ensino-aprendizaxe da conservación da enerxía se che ocorren?

Esta entrada foi publicada en Didáctica, Enerxía e etiquetada . Garda o enlace permanente.