Recursos para o Ano Internacional da Enerxía Sostible

Replicamos, polo seu interese, o post da páxina central de Climántica. Un compedio de tódolos recursos que temos á disposición de tódolos centros educativos   para desenvolver actividades relativas ao Ano internacional da enerxía sostible, recursos que xa veñen sendo ampliamente utilizados pola comunidade Climántica e que invitamos a que compartades cos compañeiros e compañeiras que están traballando este tema nas aulas.

Unha extensísima e excelente colección de recursos que se corresponde á longa experiencia do proxecto no tratamento  didáctico do tema da enerxía, unha das oito etapas do Proxecto.

  1. O libro Se quentamos, queimamos.
  2. Exercizos on-line sobre a historia da enerxía, sobre a mobilidade, sobre as enerxías renovables en galego e en inglés.
  3. Webquest E ti, sabes como aforrar enerxía na escola?.
  4. Vídeoxogo de simulación para a toma decisións na xestión racional dos recursos enerxéticos para a mitigación do cambio climático na primeira metade do século XXI.

Para reforzar a conceptualización implicada neses recursos, acábase de publicar en Climántica TV o vídeo da conferencia Enerxía e sostibilidade impartida polo director da Axencia enerxética de Vigo, e profesor da Escola Técnica de Enxeñería, Bernardo Parajó. Nesa conferencia o enxeñeiro Parajó expuxo a situación enerxética actual, en canto ao consumo, a política enerxética actual e estratexia 20-20-20. Con este marco actual, buscou respostas a tres preguntas:

  1. Canto tempo poderán os combustibles fósiles cubrir a crecente demanda enerxética?
  2. Ata qué punto e durante canto tempo se poderá capturar e almacenar CO2?
  3. De onde se obterá a enerxía que necesitaremos para as vindeiras décadas?

As respostas que foi dando, fundamentounas sobre consideracións que fixo en relación a:

  1. Ruta da enerxía na actualidade
  2. Impacto das enerxías fósiles
  3. Impacto da enerxía nuclear
  4. Impacto das enerxías renovables

O proxecto Climántica agradece ao profesor Parajó polo coñecemento que nos expón a través deste vídeo, e recoméndao para o fortalecemento das actividades que se están a facer nos centros educativos, aproveitando a motivación que nos ofrece este centro de interese para este primeiro trimestre de curso.

Esta entrada foi publicada en Enerxía, Recursos, Sustentabilidade e etiquetada , . Garda o enlace permanente.