Consecuencias de Petra

Ninguén mellor que Juan Taboada para falarnos dePetra.

Finalmente a borrasca Petra pasou preto do noso litoral durante a pasada madrugada deixando importantes refachos de ventos e chuvias tamén copiosas en moitos lugares. Os refachos de vento máis importantes afectaron a puntos do litoral e zonas de montaña do interior, mentres que as chuvias máis fortes tiveron lugar en Pontevedra e sur da Coruña. A continuación podedes ollar as chuvias acumuladas nesta primeira metade do día debidas ao paso da fronte fría asociada a Petra.

pon_capamapaschoivapetra.jpeg

Unha vez máis se alguén ten datos nalgún punto de Galicia, é un bo exercicio tentar situalas neste mapa e pensar un pouco en que zona está o pluviómetro. Recordade que esta distribución das chuvias é a típica das situacións de sudoeste. En canto aos ventos vemos os refachos máis intensos nas zonas de costa, principalmente extremo norte da Coruña e norte de Lugo e oeste da Coruña, e nas de alta montaña do interior.

pon_capamapasventopetra.jpeg

No que queda de xornada veremos chuvascos intermitentes, pero de intensidade moderada e nos seguintes días a borrasca desaparecerá, pero o aire frío permanecerá nas capas medias e altas da atmosfera polo que continuará alimentando borrascas e a atmosfera seguirá inestable.

Saúdos,

Juan

Publicado en General, Meteoescolas, Prognóstico | Autor meteoroloxia | Comentar »

Martes 24 de Abril do 2012

Temporal para a vindeira madrugada

Finalmente parece que se concreta a posibilidade de temporal que comentabamos na anterior entrada e na xornada de mañá mércores veremos o achegamento dun centro de baixas presións bastante profundo cunha fronte fría asociada que deixará fortes ventos e chuvias principalmente durante a madrugada. Esta borrasca, bautizada como Petra pola Universidade Libre de Berlín, estase profundando rapidamente a medida que se achega a Galicia polo que se pode cualificar como explosiva, aínda que cando comece a afectarnos, ese proceso de formación terá practicamente rematado. Na seguinte imaxe do satélite Meteosat podedes ver onde está neste momento (11 horas do día 24 de Abril).

webexterna_hrv_08-30.jpg

As consecuencias que agardamos son de temporal no mar e avisos en terra, principalmente durante a madrugada de mañá mércores, por vento e chuvia, coincidindo co paso dunha fronte fría asociada a esta borrasca.

Saúdos,

Juan Taboada

Esta entrada foi publicada en Fenómenos naturais e catástrofes e etiquetada , . Garda o enlace permanente.

Deixa unha resposta