Escrito nas rochas

Un excelente artigo de Yosua Martínez desde o IES Urbano Lugrís de Arteixo.

Nos sedimentos tipo flysch situados en Zumaia (Guipúscoa) poden lerse 50 millóns de anos da historia xeolóxica da Terra e constitúen unha referencia para xeólogos de todo o mundo. Os acantilados que se atopan neste enclave son un lugar sinalado na ruta do flysch. Aquí os estratos xeolóxicos chegan ata o mar.

“O flysch de Zumaia é un libro aberto da xeoloxía da Terra”. Esta é, quizais, a frase máis empregada para se referir a este tipo de formación sedimentaria presente no que se considera  o depósito vertical de rochas cun dos mellores rexistros xeolóxicos do mundo que datan de 50 millóns de anos.

O depósito está formado por unha serie de estratos emerxidos que conforman unha cadea  de acantilados de varios quilómetros. Trátase dun lugar de extraordinaria beleza tanto para quen sabe ler este libro pétreo coma para os milleiros de turistas e curiosos que se achegan alí só para admirar as diversas formacións e as distintas tonalidades que adquiren as rochas debido ao efecto da auga ou polo feito de posuír unha composición mineral diferente.

imagen No flysch de Zumaia defínense catro estratotipos que indican o límite entre pisos xeolóxicos. Constitúen, asemade, límites xeocronolóxicos que demostran que no nosos planeta sucederon eventos catastróficos. Eventos catastróficos coma unha glaciación, un cambio climático ou unha suba repentina das temperaturas, pois isto afecta ao comportamento das rochas e, incluso, á súa composición. Dos catro estratotipos existentes, dous son recoñecidos pola comunidade científica internacional. Eses catro límites son:

•         límite entre un piso maastrichtiense e un piso daniense que data de hai 65,5 millóns de anos, definido por unha capa negra fina e marca a extinción dos dinosauros e de máis do 70% das especies;

•         límite entre un piso daniense e un piso selandiense que data de hai uns 61,1 millóns de anos. Aquí, un importante cambio litolóxico constata que se produciu un descenso brusco do nivel do mar na conca pirenaica;

•         límite entre un piso selandiense e un piso thantiense que data de hai 58,7 millóns de anos. Marca unha inversión repentina dos polos magnéticos da Terra;

•         límite entre un piso thantiense e un piso ypresiense que data de hai 55,8 millóns de anos. Trátase dunha zona con anomalías isotópicas que sinalan un dos maiores quecementos globais da historia recente.

Un dos maiores estudosos deste depósito, Eustoquio Molina, leva 25 anos estudándoo e considera que este é “un lugar imprescindible para calquera xeólogo que estea a estudar este capítulo da historia da Terra acaecido dentro do período do paleoceno”.

imagen Un flysch define un conxunto de rochas sedimentarias que alternan rochas duras e rochas brandas. Na costa guipuscoana este tipo de sedimentación formou fermosos acantilados cheos de fósiles, principalmente de foraminíferos. Segundo di Asier Hilario “ademais de ser o enclave de estes famosos estratotipos , este corte permite estudar importantes eventos de extinción e cambios climáticos, concretamente os acaecidos entre o cretácico, o paleoceno e o eoceno”.

O flysch de Zumaia non só nos fala do pasado, tamén nos permite interpretar a evolución da xeoloxía no futuro. Os lectores de rochas están traballando neste inmenso libro da historia da Terra.

Acompaño o artigo cun enlace no que se atopa unha reportaxe do propio Asier Hilario que proporciona unha gran cantidade de información sobre o depósito e fotos moi interesantes:

http://www.sedpgym.org/descargas/Metallica/n10-11_1.pdf

Asi mesmo, adxunto un enlace cunha web na que encontraremos unha entrevista ao propio Asier Hilario e un vídeo de TVE sobre Zumaia e o flysh:

http://www.euskonews.com/0501zbk/elkar_es.html

Esta entrada foi publicada en Biodiversidade, Os mellores post de alumnos e etiquetada , . Garda o enlace permanente.

Deixa unha resposta