O ciclo do carbono como protagonista


Proxecto CARBOOCEANO Proxecto Integrado CARBOOCEAN ten como propósito a realización dunha avaliación precisa das fontes e sumidoiros de carbono no mar. A meta é a redución das incertezas actuais que existen na cuantificación dos fluxos anuais atmosfera-océano de CO2 á metade (factor 2) para o océano global e nun factor de 4 para o Océano Atlántico. Nel participan 47 grupos de traballo de países como Bélxica, Dinamarca, Francia, Alemaña, Islandia, Marrocos, os Países Baixos, Noruega, Polonia, España, Suecia, Suíza, Reino Unido e Estados Unidos. Ler máis sobre o Proxecto CARBOOCEAN.

A pasada semana foi publicado na revista Science un artigo sobre un estudo desenvolvido no marco do proxecto CARBOOCEAN, liderado pola Universidade de East Anglia (Reino Unido) e no que participan varios membros do Instituto de Investigacións Mariñas de Vigo do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC). Os  investigadores desenvolveron un método que permite medir de forma precisa a cantidade de carbono natural e antropoxénico que pasa da atmosfera ao océano. Para iso baseáronse nos datos recollidos durante seis anos no Atlántico Norte mediante campañas oceanográficas dos buques Hespérides e Las Palmas e a participación voluntaria de barcos comerciais equipados con sensores químicos, datos que se completaron con observacións por satélite da temperatura superficial mariña e con modelos de circulación oceánica. As conclusións amosan que a absorción de CO2 por parte do océano presenta importantes variacións anuais e que se ve afectada polos cambios climáticos de larga escala.

Proxecto CARBOEUROPEOutro gran Proxecto Integrado centrado no estudo do ciclo do carbono é CARBOEUROPE, o cal ten por obxectivo xeral comprender e cuantificar o balance de carbono terrestre de Europa e as incertezas asociadas a escala local, rexional e continental. Para iso o proxecto aborda tópicos como “O Balance de Carbono Europeo”, “Procesos e Modelización” e a “Detección de Kyoto”. Neste proxecto participan así mesmo científicos de numerosos países europeos, entre eles España.

Proxecto CARBOSCHOOLSA través destes dous proxectos, CARBOEUROPE E CARBOOCEAN, naceu no ano 2004 o proxecto europeo CARBOSCHOOLS, ao que se uniu no 2008 un novo proxecto europeo de investigación sobre a acidificación dos océanos como é EPOCA. O Proxecto CARBOSCHOOLS une investigadores de diferentes laboratorios europeos punteiros na ciencia do carbono con institutos de secundaria. Froito desta asociación, os estudantes europeos realizan experimentos sobre o impacto dos gases de efecto invernadoiro e descobren a investigación científica mediante experimentos en tempo real, visitas, debates…etc. Tal e como pode apreciarse desde a web deste proxecto pode accederse a unha biblioteca para o profesorado onde é posible descargar interesantes materiais para a súa utilización co alumnado nas aulas ou acceder  á SchoolCO2Web (lugar para traballar cos datos de CO2 que ofrece completos titoriais para o seu uso).

Un dos diversos subproxectos rexionais que integran o Proxecto CARBOSCHOOLS é catalán, podéndose consultar información sobre a súa interesante actividade na súa web.

Autora: Natalia Abelenda

Temático: Enerxía

Esta entrada foi publicada en Enerxía. Garda o enlace permanente.

Deixa unha resposta