A malaria, un problema crecente

 Desde  IES de Allariz un interesante artigo sobre os mosquitos  transmisores  da malaria

Supoñíase que as femias dos mosquitos, que son as que pican, son xordas e que o molestísimo zunido que os delata nas noites de verán non representaba, na súa vida reprodutiva, máis que a forma de facer notar a súa presenza aos machos. Agora, uns curiosos e probablemente importantes experimentos co mosquito que transmite os virus do dengue e da febre amarela acharon que nesta especie as femias e os machos adaptan bater das súas ás na mesma frecuencia como parte do cortexo, antes de aparearse. Como recordan os autores destes experimentos, a pesar de que os mosquitos son vectores de enfermidades tan importantes como a malaria, a febre amarela e o dengue, coñécese aínda moi pouco a súa bioloxía básica, incluíndo a súa forma de aparearse, que é un obxectivo fundamental para lograr o control da praga.

A femia de Aedes aegypti axítase normalmente a unha frecuencia fundamental de 400 hertzs (ciclos por segundo) e o macho faino a 600 hertzs. Non obstante, cando chega o cortexo, ambos os dous baten as ás a 1.200 hertzs, o mínimo común múltiplo de ambas as dúas. É o segundo harmónico para as femias e o primeiro para os machos e ata agora supoñíase que esa frecuencia era superior ao límite de audición destes mosquitos.

Os experimentos, realizados na Universidade de Cornell (Nova York) e publicados en Science, implicaron a manipulación dos mosquitos e dos seus órganos auditivos, con diminutos electrodos e sensibles micrófonos. Ademais do achado de que machos e femias se adaptan acusticamente, os investigadores atoparon tamén que ambos os dous sexos desta especie, e probablemente doutros mosquitos, poden oír e responder a tons puros de alta frecuencia.

Unha vez que se produciu o apareamento, as femias son moito menos sensibles aos tons dos machos e tenden menos a adaptar a súa frecuencia de voo á destes. Isto apoia a idea de que se se soltan mosquitos machos estériles se reduciría a capacidade reprodutiva das femias, que tenderían a non realizar novos apareamentos tras o primeiro.

malaria

Fonte: www.elpais.com

Esta entrada foi publicada en Ler Con-Ciencia, Sabías que?, Vivir máis, vivir mellor e etiquetada . Garda o enlace permanente.

Deixa unha resposta