Lámpadas incandescentes e bolsas de plástico: comezou a conta atrás

 

Este inicio de curso está marcado pola posta en práctica de medidas que supoñen o comezo da retirada de dous obxectos de amplo uso cotiá con impactos negativos sobre o ambiente: as lámpadas incandescentes e as bolsas de plástico.

Lámpada incandescente/Wikimedia Commons

O proceso de retirada gradual das lámpadas incandescentes comezou o pasado 1 de setembro ao deixar de fabricarse as lámpadas incandescentes de 100 W ou máis (só poden venderse aquelas que permanezan nos almacéns das tendas en stock). A medida obedece a un mandato da Unión Europea dentro da Directiva Ecodesign. En setembro de 2010 tocaralle a quenda ás lámpadas incandescentes de 75 W ou máis, un ano despois ás de 60 W ou máis e finalmente todos os tipos no 2012.

As lámpadas incandescentes só adican o 5% da enerxía que consomen para dar luz, o  95% restante pérdese en forma de calor. Entre as posibles alternativas que dispoñemos os consumidores atópanse as lámpadas incandescentes melloradas con tecnoloxía halóxena (equivalentes ás incandescentes na calidade de iluminación e que aforran entre un 25 e un 45% en comparación a estas), as lámpadas fluorescentes compactas (que aforran entre un 65% e un 80%) ou os díodos emisores de luz –LED- (tecnoloxía emerxente altamente eficiente, emprega ata un 90% menos de enerxía).

No caso das lámpadas fluorescentes compactas tamén coñecidas como lámpadas de baixo consumo, o sobrecusto inicial no momento da compra –en relación coa tradicional lámpada incandescente- recupérase co tempo a través do aforro no consumo de enerxía e a súa maior vida útil. Existen sen embargo, certos aspectos polémicos relativos aos seus posibles efectos sobre a saúde xa que este tipo de lámpadas conteñen mercurio e emiten luz ultravioleta. Precisamente a  presenza de mercurio require que deban desbotarse en colectores especiais.

No que se refire ao tema das bolsas de plástico o proceso de retirada gradual enmárcase dentro do Plan Nacional Integrado de Residuos (2008-2015), o cal propón a redución dun 50%, en peso, do consumo de bolsas comerciais dun só uso, a acadar non máis tarde de 2010, así como a substitución progresiva das bolsas de plástico dun só uso non biodegradables por bolsas de material biodegradable.

Este mes de setembro puidemos observar como diferentes hipermercados están deixando de repartir bolsas de plástico. Este tipo de material derivado do petróleo tarda centos de anos en descompoñerse e só o 10% delas remata nos contendores amarelos para a súa reciclaxe (aínda que segundo a asociación para o reciclado do plástico, Cicloplast, un 65% delas soen reutilizarse como bolsas de lixo, despois a maioría remata o seu ciclo nos vertedoiros no mellor dos casos). As alternativas ofrecidas por diferentes superficies comerciais dentro das súas campañas de sensibilización inclúen as bolsas de fécula de pataca, as bolsas de tea, as bolsas de rafia ou os carritos.

España é o país europeo que máis bolsas de plástico dun só uso produce, e o terceiro consumidor (estímase que un español consome ao longo dun ano 238 bolsas de plástico). Por iso, non sorprende que os fabricantes do plástico sexan contrarios á eliminación drástica da bolsa de plástico. A Asociación Española de Industriais de Plásticos (ANAIP) aposta pola bolsa reutilizable de polietileno (reutilizable ata 15 veces e para a que xa se está certificando a norma AENOR) xunto á bolsa biodegradable, un consumo máis responsable e o impulso da reciclaxe.

Por: Natalia Abelenda

Temático de Energía

 

Esta entrada foi publicada en Enerxía e etiquetada . Garda o enlace permanente.