Os biocombustibles a debate

imagenCada vez parecen ser máis os expertos, investigadores e ecoloxistas que poñen en cuestión aos biocombustibles como fonte de enerxía alternativa sustentable a longo prazo. Ademais do seu polémico impacto sobre a seguridade alimentaria e a deforestación, para científicos como Hartmut Michel (Premio Nobel de Química en 1988) os biocombustibles non supoñen un aforro nas emisións de CO2, dado que para a súa produción precísase investir moita enerxía en forma de fertilizante, procesos, transporte… Coida este científico que “o problema de partida é que a eficiencia global da fotosíntese é moi baixa. Menos do 1% da enerxía solar almacénase en forma de biomasa e non hai moitas posibilidades de mellorar isto. O biocombustible que se pode producir por unidade de superficie e ano contén menos do 0,4% da enerxía solar que recibiu esa superficie no mesmo tempo”.

Ante as crecentes dúbidas que están a xurdir sobre a viabilidade e os impactos dos actuais biocombustibles, agora estase a traballar cos denominados biocombustibles de segunda xeración. Trátase de biocarburantes que non empregan materias primas destinadas á alimentación, cultívanse en terreos non agrícolas ou marxinais e elabóranse mediante procesos tecnolóxicos mellorados. Na actualidade o seu desenvolvemento atópase en fase experimental. Os principais produtos e procesos son o biodiésel a partir de algas, o biodiésel sintético a partir dun proceso de gasificación da biomasa e unha reacción de Fischer-Trops, o bioetanol procedente da lignocelulosa de madeira, palla ou incluso herba, e un novo biocarburante, o biobutanol.

Trasladar o debate sobre os biocombustibles ás aulas pode resultar de gran interese, particularmente no contexto da nova materia de Ciencias para o Mundo Contemporáneo. Unha posible actividade nesta liña é a Miniquest os agrocombustibles: ¿unha solución ou un problema? elaborada por María Escudero, Carmen Cid Manzano e Ricardo Escudero.

Autora: Natalia Abelenda

Fonte: Temático de Enerxía

 

Esta entrada foi publicada en Enerxía e etiquetada . Garda o enlace permanente.