Levitación magnética: A realidade supera á ficción

 Desde o Temático de Enerxía, Natalia Abelenda nos deixa este interesante post:

As aplicacións do magnetismo están facendo posible o que ata hai pouco só formaba parte do mundo da ciencia ficción: flotar en ingravidez, isto é, empregar o magnetismo para contrarrestar a gravidade. O fenómeno coñécese como levitación magnética ou “maglev” (abreviación de magnetic levitation).

Os supercondutores son materiais que sometidos a moi baixas temperaturas conducen a corrente eléctrica con resistencia e perda de enerxía próximas a cero. O campo magnético inducido por un campo magnético exterior débil é cero no interior destes materiais cando son arrefriados por debaixo da súa temperatura de transición supercondutora. Isto é o que se coñece como efecto Meissner e fai posible que os imáns leviten sobre un supercondutor (a presenza dun imán coa polaridade adecuada induce un campo magnético no supercondutor que se repele co exterior, creando a ilusión de ingravidez).

Os trens de levitación magnética ou trens maglev son trens suspendidos no aire por enriba dunha vía (entre 1 e 15 cm), estando propulsados cara adiante por medio de forzas magnéticas atractivas (suspensión electromagnética, emprega electroimáns) ou repulsivas (suspensión electrodinámica, emprega supercondutores). A ausencia de contacto físico entre o carril e o tren fai que a única fricción sexa a do aire, polo que se poden conseguir velocidades moi altas cun menor consumo de enerxía (o 40% do consumo normal para un vehículo) e a un baixo nivel de ruído. Estas altas velocidades (o seu potencial é duns 900 km/h, pero o record actual teno Xapón con 581 km/h) fan que os trens maglev se convertan en competidores directos do transporte aéreo. A liña que opera comercialmente en Shanghai, inaugurada no 2004, tarda só 7 minutos e 20 segundos en recorrer 30 km a unha velocidade máxima de 431 km/h e unha velocidade media de 250 km/h. Existen ademais diversos proxectos en estudo principalmente en China e Xapón.

A levitación magnética ten outras áreas de aplicación como é o almacenamento de enerxía (permite facer xirar indefinidamente unha roda supercondutora inmersa nun campo magnético de xeito que almacene a enerxía mecánica), a propulsión de naves espaciais ou a medicina cardiovascular.

Observando o seguinte documental poderás achegarte máis ao fenómeno da levitación magnética e as súas aplicacións.

[SWF] http://tu.tv/tutvweb.swf?kpt=aHR0cDovL3d3dy50dS50di92aWRlb3Njb2RpL3MvdS9zdXBlcmNvbmR1Y3RpdmlkYWQteS1tYWdsZXYuZmx2&xtp=412625, 425, 350[/SWF]

 

Esta entrada foi publicada en Enerxía e etiquetada . Garda o enlace permanente.

Deixa unha resposta