Enerxía solar desde o espazo: Realidade a curto plazo?

 Despois da conferencia de Anguita sobre recursos enerxéticos, é o momento de visitar a Natalia Abelenda no Temático de Enerxía. Para os que  xa sodes “fans”  das súas páxinas ( eu me declaro presidenta do club de fans deste Temático) xa non teño nada que decirvos, aos que empezades neste curso  só invitaros a visita-la bitácora e de seguro que os fidelizades. Par exemplo, un botón:

Desde mediados do século XX empréganse paneis fotovoltaicos no espazo a bordo de satélites artificiais para producir a electricidade necesaria para o seu funcionamento a partir da luz solar. Non é de estrañar pois que a Peter Glaser se lle ocorrera en 1968 a idea da enerxía solar espacial: un gran sistema de satélites receptores de enerxía solar en órbita xeoestacionaria para a adquisición e conversión da enerxía procedente do Sol e a súa transmisión posterior a grandes antenas receptoras situadas en Terra para satisfacer o consumo enerxético na superficie. A idea, que foi desbotada no seu momento dado o seu elevado custo económico, está a cobrar pulo novamente debido aos recentes avances tecnolóxicos e as vantaxes que suporía fronte a outros sistemas de produción de enerxía.

Algúns posibles lugares onde situar os sistemas de captación da enerxía solar son satélites en órbitas xeosíncronas ou heliosíncronas, sondas espaciais, a Lúa ou incluso outros planetas. Propuxéronse satélites con formas e tamaños moi diversos, con nomes como “Torre Solar”, “Disco Solar”, “Torre de Velas” ou “Satélite Sandwich”. A tecnoloxía fotovoltaica podería empregarse para a conversión enerxética. Un panel fotovoltaico  nunha órbita terrestre xeoestacionaria (a unha altitude duns 36000 km) recibiría unha media de oito veces máis luz que na superficie da Terra. Para transmitir a electricidade captada polo satélite á Terra, transformaríase a enerxía nunha radiación electromagnética dunha lonxitude de onda adecuada para non ser absorbida pola atmosfera terrestre, como son as microondas ou o láser.

Disco Solar-NASA

 Disco solar/ Imaxe: NASA

As vantaxes de obter enerxía solar do espazo son diversas: trátase dunha enerxía limpa e inesgotable ao igual que a enerxía solar terrestre e é fléxible e segura, eliminando a necesidade de complexas redes eléctricas intercontinentais e reducindo a cantidade de apagamentos. Ademais do subministro de enerxía á Terra, os satélites de enerxía solar espacial poderían subministrar enerxía a misións espaciais: vehículos de exploración interplanetaria, todo tipo de artefactos espaciais como telescopios ou incluso futuras bases lunares. Por outra banda, a enerxía solar espacial podería ser a única forma de adquirir enerxía solar directa baixo condicións extremas como por exemplo nun inverno volcánico ou nun inverno nuclear.

Entre os factores en contra, atópanse os xa mencionados elevados custos económicos. Neste senso, algúns expertos propoñen a construción de sistemas de enerxía solar espacial a pequena escala, para o seu uso en situacións puntuais como zonas illadas por catástrofes naturais, para con menor presuposto sentar as bases de prototipos maiores. Por outra banda, a transmisión de enerxía desde un satélite espacial á Terra non se efectúa cunha eficiencia enerxética do 100%, senón entre un 50 e un 80%. A enerxía perdida disípase na atmosfera en forma de calor. Aínda así, unha central de carbón ou unha nuclear xeran unha cantidade de calor bastante superior á que se espera da enerxía solar espacial, polo que se estas centrais foran substituídas por satélites solares o resultado sería unha redución do quecemento global.

Existen varios retos tecnolóxicos que a enerxía solar espacial debe vencer para poder ser viable segundo un estudo norteamericano do 2008: compoñentes fotovoltaicos e electrónicos que teñan alto rendemento a alta temperatura, transmisión sen arames de enerxía de xeito preciso e seguro, e arquitecturas de sistemas espaciais e lanzadores espaciais de baixo custo.

A Estación Espacial Internacional (ISS), que se prevé estea rematada para o 2010, podería empregarse para probar por primeira vez este sistema.

Paneis solares da Estación Espacial Internacional-NASA

Paneis solares da Estación Espacial Internacional/ Imaxe: NASA

En Estados Unidos a NASA está estudando diversas propostas e en Europa  a Axencia Espacial Europea (ESA) tamén está analizando o concepto de enerxía solar espacial, en parte en colaboración con Xapón. A Axencia de Exploración Aeroespacial deste país  (JAXA) traballa fundamentalmente na transmisión sen arames da enerxía tanto por microondas como por láser e pretende poñer en órbita un satélite de enerxía solar espacial de 1 GW antes do 2030. No sector privado cómpre citar as iniciativas de Space Island Group ou os da nova compañía Space Energy.

Autora: Natalia Abelenda

Temático: Enerxía

Esta entrada foi publicada en Enerxía e etiquetada . Garda o enlace permanente.