A web da Asociación Danesa da Industria Eólica foi galardoada pola Comisión Europea e a Asociación Europea da Enerxía Eólica por ter “establecido un estándar na difusión de información de alta calidade en Internet”. Este sitio web soporta dúas seccións de interese didáctico en diversos idiomas ademais do castelán.
Unha desas seccións consiste nun sitio web “adulto” con numerosas páxinas animadas que tratan aspectos relativos aos recursos eólicos, á tecnoloxía dos aeroxeradores e ás cuestións ambientais, económicas e históricas da enerxía eólica a un nivel de educación secundaria superior, ofrecendo así mesmo o acceso a un completo manual de referencia que inclúe definicións de conceptos, magnitudes e leis, calculadoras, bases de datos técnicos…etc.
A outra sección é a de “Moliner y el viento”, un proxecto desenvolvido para estudantes de 12 a 14 anos, que se configura ademais como unha amena aproximación á enerxía eólica para persoas de calquera idade. O sitio web está enfocado á física e á tecnoloxía da enerxía eólica, servindo a pregunta: ¿Como funciona? de punto de partida do mesmo.
Moliner e o vento/ Imaxe: www.windpower.org
Para comezar pódese acceder a un Curso acelerado introdutorio onde se recorren os diferentes compoñentes dun aeroxerador, as súas funcións e elementos básicos, así como a terminoloxía necesaria. O apartado ¿Como funciona? divídese en diversos subapartados que tratan as funcións dos compoñentes dun aeroxerador, a súa instalación, como se orixina o vento ou como atopar o mellor emprazamento para un aeroxerador. Pola súa banda, desde o espazo de Actividades ofrécense interesantes ferramentas de simulación de turbinas eólicas e tamén propostas de actividades prácticas como é a construción de diversos prototipos e a realización de experimentos, estudos e medidas.
Practicamente tódalas páxinas conteñen un acceso (botón “Más” situado na franxa azul da dereita) ao sitio web “adulto” descrito anteriormente, o que permite afondar nas cuestións correspondentes ás persoas que o desexen.
O proxecto “Moliner y el viento” vai acompañado dunha Guía do profesor que proporciona orientacións didácticas e técnicas moi útiles. Neste caso o sitio web funciona mellor empregando o navegador Internet Explorer que o Mozilla Firefox.
Temático: Enerxía
Autora: Natalia Abelenda